R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo

2010 - Actualidade

2010-ACTUALIDAD white

 

Comeza o despegue

Ao finalizar a tempada 2009/2010 anunciouse a contratación dun novo adestrador, Paco Herrera, procedente do Vilarreal B. Ademais pecháronse as contratacións de De Lucas, Joan Tomás, Murillo e David Rodríguez (na súa segunda etapa como celeste). O Celta comezaba a dar continuidade a un mesmo proxecto, con poucas fichaxes que achegasen un salto de nivel e unha firme aposta pola canteira. Yoel, Hugo Mallo, Roberto Lago, Túñez, Jonathan Vila, Oubiña, Álex López, Michu, Abalo, Toni, Iago Aspas... a factoría da Madroa comezou a dar os seus mellores froitos en moito tempo.

 

O Celta realizaría unha gran tempada, manténdose sempre nos postos altos da clasificación, pero un baixón nos resultados chegada a segunda volta afastou aos vigueses do ascenso directo, tendo que xogar o recentemente instaurado playoff de ascenso. Na primeira eliminatoria o rival foi o Granada FC, un dos equipos revelación daquel campionato. O partido de ida, en Balaídos, acendeu as ilusións da parroquia viguesa. 1-0 con gol de Michu e bo xogo. O pase á final e o regreso a Primeira acariñábase cos dedos.

 

granada-celta playoff 

Con todo, no partido de volta o RC Celta atopouse cun inferno no Estadio dos Cármenes. A semana previa ao encontro fora polémica, con acusacións cara a Iago Aspas por un choque fortuíto co porteiro Roberto no partido de ida. O Celta fixo méritos para gañar o partido, pero foi o Granada por medio de Orellana quen anotou. 1-0 que igualaba a eliminatoria e levou o envite á prórroga e despois á quenda de penaltis. Michu, heroe no partido en Balaídos, tivo a responsabilidade de executar o lanzamento que podía certificar o pase á final. O asturiano disparou defectuoso e, tras anotar o Granada o seguinte penalti, Catalá errou a seguinte pena máxima dos olívicos. Os granadinos pasaban á seguinte eliminatoria, que ao cabo lles levaría á División de Honra do fútbol español.

 

A derrota foi un xerro de auga fría para equipo, club e afección. No recordo de todo o celtismo quedará o recibimento que a inchada celeste deu a xogadores e corpo técnico no aeroporto de Peinador, ao seu regreso de Granada. Aquel fracaso non faría máis que encher de motivación extra ao persoal para afrontar a seguinte tempada.

 

O Celta regresa á súa casa: a Primeira División

Na tempada 2011/2012, Paco Herrera continúa á fronte do equipo céltico. Por segundo ano dáse continuidade ao proxecto, con poucas pero moi estudadas incorporacións. Mario Bermejo, Bellvís, Natxo Insa, Oier e Orellana (vello coñecido do Celta, xa que foi o autor do gol do Granada na volta do playoff de ascenso) foron as fichaxes daquel verán.

 

O equipo tardaría un pouco en arrincar, pero unha vez fíxoo o seu camiño cara ao ascenso directo foi imparable, aínda que non exento de sufrimento. A loita co Valladolid pòr a segunda praza, que aseguraba a promoción a Primeira División, foi emocionante e rifada ata case o final da campaña. O celtismo viviu partidos inesquecibles nos que a unión entre afección e equipo foi a maior en moito tempo, como o 4-1 contra o Xerez ou a espectacular remontada contra o Almería, tamén en Balaídos, na que os vigueses venceron por 4-3 grazas ao alento da bancada. Os 23 goles de Iago Aspas, máximo artilleiro nacional da categoría, foron decisivos para alcanzar o obxectivo.

 

aficion ascenso 

Objectivo: consolidarse na máxima categoría

Tempada 2012/2013. O Real Club Celta por fin regresa ao lugar onde merece estar, a Primeira División, e faio co respaldo de 22.500 abonados, a marca histórica do club. O proxecto iniciado dous anos atrás continúa adiante, mantendo o bloque da campaña anterior. Javi Varas, Cabral, Samuel, Augusto Fernández, Krohn-Dehli e Ju Young Park son as fichaxes que realiza o club para o campionato 2012/2013.

celta 2012 plantilla

Tras un arranque de tempada prometedor no que o Celta sorprendeu cun fútbol vistoso, a preocupación comezou a contaxiar ao celtismo ao ver que os resultados positivos facíanse de rogar. Tras momentos complicados e difíciles nos que a afección empuxou ao equipo como non se lembraba, o club vigués chegou á última xornada coa permanencia en xogo e dependendo doutros equipos. A actitude da inchada céltica foi fundamental na vitoria ante o Espanyol pola mínima, suficiente para que o Celta continúe un ano máis en Primeira División. Ademais o filial conseguiu o ascenso a 2ªB, o xuvenil se proclomó subcampión español, os veteranos foron campións de fútbol indoor e o resto de categorías venceron os seus respectivos campionatos. Un ano de esforzo, traballo e sufrimento que finalmente deparou unha infinidade de alegrías.

historia_1213.jpg

Na 2013/2014 chegou ao banco vigués Luís Enrique Martínez, técnico que en tan só unha tempada deixou unha gran pegada no club celeste. O equipo reforzouse con nomes ilusionantes como Rafinha, Charles, Fontàs e Nolito e deu un importante salto de calidade nun ano no que comezou a consolidarse a atractiva proposta de xogo do RC Celta. A tempada, a do 90 aniversario do club, concluíu logrando a permanencia con solvencia e finalizando o campionato na novena posición con 49 puntos.

 

O verán trouxo de novo cambios ao banco céltico. Luís Enrique converteuse en adestrador do FC Barcelona e o Celta apostou polo regreso dun xogador referente para a afección: Eduardo Berizzo. O técnico arxentino soubo conservar as liñas mestras do equipo e engadir o seu estilo propio para elevar a proposta futbolística do Celta a cotas cada vez maiores. O club ser reforzou para a 2014/2015 con xogadores como Larrivey ou Pablo Hernández e novas promesas como Sergi Gómez, Planas ou Bongonda. Con grandes momentos como a vitoria no Camp Nou e outros complicados, como un refacho de 10 partidos sen vencer, a tempada finalizou cun último terzo de campionato sobresaliente que levou ao Celta a ocupar a oitava praza, unha máis que o ano anterior, con 51 puntos.

w_7a17294afc23221626lfp-2015-05-23-03.jpgw_210deef1bd29215940lrv20150429-23.jpg

Esta tamén foi a campaña na que Borja Oubiña, capitán e referente da canteira celeste, colgou as botas; unha tempada na que o club comezou a avanzar en proxectos importantes como a reforma do estadio, a adquisición dunha sede social propia, a desaparición total da débeda...

 

A 2015/2016 non podía comezar de mellor maneira. Á boa serie de resultados súmase unha espectacular vitoria por 4-1 ante o FC Barcelona e o aplauso consensuado do fútbol mundial ante a maneira de xogar do RC Celta. O ano no que o club cumpre 50 tempadas en Primeira División preséntase como un dos máis ilusionantes na historia recente da entidade. A unión de club, equipo e afección seguirá levando ao RC Celta a metas cada vez maiores.

 VOLTAR AO ÍNDICE

Submit to FacebookSubmit to Twitter
Tenda Online
Galería
Redes Sociais
© Celta de Vigo 2015