R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo

1940-1950

1940-1950 original

 

Un Celta-Deportivo no máis alto

Ao final da tempada 40-41, o Celta disputou a Copa do Generalísimo, unha competición na que faría historia. Tras eliminar ao Deportivo, ao Real Madrid e ao Oviedo, os vigueses chegaban a semifinais, onde caerían ante o Valencia por un global de 6 goles a 1. A pesar da derrota, os celestes escribían un capítulo moi importante na súa traxectoria ao chegar tan lonxe nunha competición tan dura.

 

Na tempada 41-42 o RC Celta protagonizou un inicio de tempada excelente, permanecendo invicto nos 8 primeiros encontros disputados, entre eles o primeiro derby que se xogou en Primeira División. 20.000 afeccionados desprazados desde numerosos puntos de Galicia déronse cita en Balaídos o 19 de outubro de 1941 para ver o Celta-Deportivo. Foi un partido marcado pola emoción e pola deportividade, tanto no terreo de xogo como nas bancadas. Os celestes fixéronse coa vitoria por 2 a 1, con goles de Agustín (os do Celta) e de Chacho (o do Deportivo).

 

A volta ao 'inferno' de Segunda

Logo dunha pretemporada nefasta o Celta comezou a campaña 43-44 con algunha novidade, entre elas a fichaxe dun xogador que pasaría a formar parte da historia celeste: o mozo Pahiño. Como xa era habitual, o equipo atravesaba un difícil momento económico. A pesar de todo, a colaboración dos afeccionados serviu unha vez máis para salvar ao Real Club celta de Vigo.

 

A traxectoria deportiva desa tempada foi sen dúbida unha das peores da historia céltica. Os de Vigo só conseguiron gañar dous partidos e estiveron durante 23 xornadas no último posto da táboa, lugar no que acabarían ao final. O Celta terminou a tempada con tan só 9 puntos e viuse condenado ao inferno da Segunda División, da que tantas veces intentara escapar. Á crise deportiva súmase de novo a crise económica. A xunta directiva puxo os seus cargos a disposición dos socios, pero ninguén quería porse á fronte da nave céltica. Finalmente, Luís Igrexas Fernández tomou a iniciativa e formou unha nova directiva. Presentábase agora un gran reto... o regreso a Primeira División.

 

Paso fugaz pola Segunda División

A tempada 1944-45 iniciábase con forzas renovadas para os celestes, que a pesar de descender tras unha desastrosa campaña non se rendían e afrontaban o reto de volver ao seu terreo natural, a Primeira División. A pretemporada comezou cun emotivo partido de homenaxe ao xornalista e gran benefactor do Celta Manuel de Castro González, "Hándicap", que perdera a vida nun tráxico accidente en agosto dese ano (1944). O encontro enfrontou a Celta e Deportivo e foi un tributo de todo o deporte galego ao inesquecible xornalista. Os vigueses fixéronse coa vitoria por 4-2.

 

O inicio da campaña en Segunda produciuse en setembro. Os partidos sucedéronse e os celestes conseguiron resultados moi satisfactorios, finalizando a tempada no terceiro posto e optando á promoción para o ascenso. Tras enfrontarse en Madrid ao Granada nesa promoción, o equipo vigués volvía á gloria da División de Honra. Foi unha xornada inesquecible na que os futbolistas recibiron o agarimo e a homenaxe de todos os vigueses e galegos cando volveron a casa, que non pararon de felicitarlles polo 4-1 conseguido.

 

Adquisición de Balaídos e cesión ao Concello

En xullo de 1945 o alcalde de Vigo, Luís Suárez Chairos Penacho, anuncia a adquisición por parte do Celta do Estadio de Balaídos. Logo de arduas negociacións a sociedade Stadium vendía Balaídos, unha operación que non se podería levar a cabo se non fose polo crédito que a Caixa de Aforros Municipal de Vigo concedeu ao Real Club Celta.

 

40s2

 

Os termos do acordo establecían que o club adquiría o estadio, así como varios terreos circundantes, por un total de 30.600 metros cadrados. A sociedade vendedora estableceu que o valor do inmoble era de 856.000 pesetas, un diñeiro prestado que o Concello comprometeuse a abonar á caixa en anualidades de 70.000 pesetas que se liquidarían nun máximo de 20 anos.

 

Segundo o acordo, o Celta cedía o estadio ao Concello e conservaba o usufructo durante esas dúas décadas. Tamén se establecía que as obras de ampliación e mellora correrían a cargo da entidade municipal. Uns días despois de que se coñecese a noticia, os arquitectos Molins e Prieto comezaban a deseñar un proxecto para a construción dunha bancada cuberta e unha marquesiña en Río, e unha bancada de cemento en Marcador.

 

Os 'rebeldes' Pahiño e Roig

A poucos días de comezar a tempada 47-48 estala un bombazo no club celeste e entre a afección. Ante a actitude dos xogadores Pahiño, Roig e Alonso, a xunta directiva decide declaralos "en rebeldía", unha postura da que Alonso desistiría aos poucos días.

 

No caso de Pahiño e Roig déronse situacións moi tensas, xa que a xunta directiva consideraba inadmisibles as súas pretensións económicas. Segundo os dirixentes celestes, os futbolistas (negáronse a asinar as súas fichas de tempada) pedían unha cantidade moi superior ao estipulado, polo que se considerou que vulneraban os acordos aos que chegaran.

 

Finalmente, os xogadores non tiveron máis remedio que respectar os acordos e incorporarse á disciplina celeste, aínda que non deixaron de reiterar que a súa situación era miserable e que cobraban moitísimo menos que outros futbolistas. En calquera caso comezaba unha nova tempada, a 47-48, que ía ser histórica para o Real Club celta de Vigo. Unha campaña na que se faría historia precisamente cando o club cumpría os seus 25 primeiros anos de vida.

 

Vodas de prata ao grande

E comezou de novo o campionato de Liga, logo dalgún que outro sobresalto cos xogadores 'rebeldes'. Fóronse sucedendo os encontros, algúns deles históricos, como o disputado en Balaídos ante o Real Madrid, no que por primeira vez o estadio vigués rozou o cheo e onde o Celta de Vigo gañou por 4 goles a 1.

 

A Liga finalizou en marzo do 48 no campo vigués no medio dunha gran festa, e é que os celestes pechaban unha tempada histórica ao clasificarse en cuarta posición, a 6 puntos do líder que foi o Barcelona. O Celta cultivara 14 vitorias, 3 empates e 9 derrotas, e ademais o dianteiro Pahiño, autor de 21 goles, fíxose co trofeo "Pichichi".

 

Primeira final de Copa

Como broche de ouro a unha tempada magnífica, o Celta conseguiría chegar por primeira vez a unha final de Copa. Tras eliminar ao Ferrol, o Celta enfrontaríase en semifinais ao Atlético de Madrid, ao que custaría moito deixar atrás. De feito tiveron que xogarse tres partidos para lograr o desempate. Tras superar dificultades no deportivo e no extradeportivo, o Celta colocábase na final da Copa do Generalísimo.

 

40s4

 
O partido disputouse en Chamartín, coa presenza de Franco, fronte ao Sevilla. Miles de afeccionados galegos envorcáronse co Celta, pero finalmente non puido ser. A primeira parte terminou con empate a un, pero no segundo tempo, o equipo vigués quedaba sen tres xogadores, lesionados, e sen Pahiño, expulsado. O resultado final foi de 4 a 1 a favor do Sevilla.

 

VOLTAR AO ÍNDICE

Submit to FacebookSubmit to Twitter
Patrocinadores
Redes Sociais
© Celta de Vigo 2017