R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo
R.C Celta de Vigo

1923: Nace o Celta de Vigo

1923 original

 

O Real Club Celta de Vigo representa non só o sentir dunha cidade e dunha afección, senón que é, ademais, historia viva do fútbol galego e español. Desde a súa fundación, en 1923, ata os nosos días, a entidade celeste representou a Vigo e aos vigueses máis aló do que ninguén podía esperar.

 

As orixes

A comezos do século XX, os afeccionados vigueses dividíanse entre dous equipos; o Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo. Pero porqué unha cidade como Vigo, capital do fútbol galego, non podía unir os seus esforzos e crear un único equipo, máis potente. Esta foi a pregunta que se fixeron a principios dos anos 20 algúns dos homes máis influentes da cidade. Por esa época xa se empezaba a falar da fusión do Vigo e o Fortuna como a saída máis satisfactoria para levar a bo porto un proxecto ambicioso e moi positivo para Vigo e o propio deporte.

 

Entre eses homes que avogaban pola creación dun só club estaban Manuel de Castro 'Hándicap' e o avogado Juan Baliño Ledo, quen serían os principais promotores da fusión. Tras numerosas reunións, algunhas delas secretas, por parte dos directivos de ambos os clubs, e tras as oportunas xestións ante a Federación Galega de Fútbol, o 22 de xuño de 1923, a asemblea nacional da Federación aproba por unanimidade a fusión, dando un prazo de algo máis de dous meses para que se confeccionase o regulamento da nova entidade.

 

Así se comeza a traballar para buscar un nome e unha indumentaria apropiada para un club que nacería en breve. Logo dalgunhas propostas, presentáronse os novos estatutos e o nome do club: Celta de Vigo (a pesar de que o nome de 'Breogán' era outro dos candidatos moi aplaudidos). Ademais solicitouse ao rei Afonso XIII a denominación de "real". Aínda que a principio falouse das cores vermello e negro para a indumentaria dos xogadores, moi pronto os promotores do R.C.Celta de Vigo decidíronse pola cor celeste, de acordo coa vocación coa que nacía a nova entidade: ser baluarte do fútbol de toda Galicia.

 

Un novo club, máis grande, con maior forza e con... ¡64 xogadores! Unha cifra sorprendente que resulta da fusión de dous persoais. Nese primeiro Celta xogarían homes como Pasarín, Otero, Juanito, Clemente, Córdoba, Hermida, Queralt, Caride, Pombo, Posada ou Chicha, entre outros.

 

A primeira xunta directiva

O 23 de agosto de 1923 convócase nos salóns da "Patronal" de Vigo unha asemblea na que se decidiría a aprobación dos estatutos e a constitución da primeira xunta directiva do Real Club Celta. O primeiro presidente da entidade foi Manuel Bárcena de Andrés, Conde de Torrecedeira, mentres que o resto de cargos completábanse así:

 

Manuel R. Cadaval: Vicepresidente primeiro
Manuel Otero Bárcena: Vicepresidente segundo
Alejandro Molins, Guillermo de Oya e Rafael Tapias: Directores
José Lago: Tesoureiro
Gaspar Barreiras: Secretario

 

VOLTAR AO ÍNDICE

Submit to FacebookSubmit to Twitter
Patrocinadores
Redes Sociais
© Celta de Vigo 2017